José Luis L.P. alega que estaba baixo a influencia do alcol. Testemuñas corroboran que viron como disparaba á vítima e a outro mozo que saíu ileso “de milagre”
O home acusado de asasinar a un mozo na praia de Arealonga, en Redondela (Pontevedra), na noite de San Xoán de 2017, afirmou este luns ante a Audiencia de Pontevedra, que non lembra ter disparado, e a súa defensa alegou que estaba baixo a influencia do alcol e que padecía síndrome de abstinencia pola súa dependencia da droga.
José Luis L.P. senta esta semana no banco dos acusados da sección quinta da Audiencia Provincial (con sede en Vigo), e enfróntase a penas que suman 42 anos de cárcere, como presunto autor dun delito de asasinato, unha tentativa de asasinato, unha tentativa de homicidio e un delito de tenencia ilícita de armas. O home será xulgado por un tribunal de xurado.
Durante a súa declaración na vista oral, o acusado afirmou que, na noite dos feitos, estivera bebendo alcol, e asegurou que non lembra o momento en que, supostamente, disparou de socato a Daniel B.P., despois de que este lle recriminase por ouriñar na praia. “Teño vagos recordos desa noite; o primeiro recordo que teño é estar xa detido en Comisaría, e cando me dixeron por que tiña sido, volvinme tolo”, declarou.
Segundo explicou, estivera consumindo bebidas alcohólicas nas horas previas ao crime, e tamén estaba a tomar medicamentos por problemas psiquiátricos. Así mesmo, asegurou, a preguntas da súa letrada, que é drogodependente “desde os 12 anos”.
No xuízo declarou tamén unha testemuña, que estivo co acusado durante esas horas previas, e confirmou que “non se lle vía moi ben”, debido ao alcol consumido. Así mesmo, recoñeceu que, nun dos locais, puido ver a culata dun revólver na bandoleira de José Luis, aínda que o acusado “quitoulle ferro” e creu que era unha arma “de broma”.
Este comparecente, que afirmou non ter presenciado o asasinato, tamén confirmou que, cando se ía a marchar para a súa casa, o acusado ía xunto a el pero, nada máis chegar a un canellón “botouse a correr”. “Aí foi cando me dei conta de que pasara algo”, indicou.
TESTEMUÑAS. Na xornada deste luns, tamén prestaron declaración varias testemuñas dos feitos. Entre eles, un amigo da vítima que confirmou que Daniel se dirixiu ao acusado para advertirlle de que non ouriñase na praia, porque “había unhas mozas durmindo” no areal.
Nese momento, relatou, viu como a vítima facía un xesto “como de querer apartar algo” e, inmediatamente, escoitou un ruído e viu a Daniel dar dous pasos ao carón e “caer”. “Achegueime e levanteille a camiseta, e xa vin un buraco. O acusado achegóuseme a un ombreiro e díxome ‘non é para tanto’. Esa frase nunca a esquecerei”, manifestou.
Por outra banda, declarou un mozo, a quen o acusado supostamente tamén disparou (aínda que sen acertar a darlle) e dous dos seus amigos. Esta testemuña confirmou que se enfrontou ao acusado ao ver caer á vítima, aínda sen saber exactamente que fora por un disparo, e empurrouno. “Cando vin que sacaba un revólver da súa bandoleira, botei a correr. Escoitei que disparaba, pero non me dei a volta”, sinalou.
Os dous amigos que acompañaban a esta testemuña, coincidiron en apuntar que o acusado disparou con intención de alcanzalo e que, se non o fixo, foi “de milagre”.
PETICIÓN DE PENAS. O ministerio público sostén que, ademais do asasinato de Daniel, o acusado é autor do intento de asasinato desa testemuña que se lle encarou, e do intento de homicidio dos axentes que lle detiveron. Así mesmo, atribúelle un delito de tenencia ilícita de armas, e pide que se lle aplique a circunstancia agravante de reincidencia (o acusado ten antecedentes pola tenencia ilícita de armas e por outros delitos).
Por estes feitos, pide para el penas que suman 42 anos de cárcere, así como a prohibición de achegarse á familia de Daniel B.P., e a prohibición de achegarse á testemuña ao que disparou. Tamén reclama a indemnización que corresponda aos achegados da vítima.
Mentres, a acusación particular, que exerce a familia do mozo falecido, pediu 28 anos de cárcere para o acusado, xa que acusa só polos delitos de asasinato e tenencia ilícita de armas. O avogado da familia, quen contrapuxo a vida de Daniel, “dedicada ao traballo”, coa vida do acusado, “dedicada ao delito”, tamén reclamou indemnizacións que suman 326.000 euros, e que se lle prohiba achegarse a eles durante 30 anos.
DEFENSA. A defensa de José Luis L.P. reclamou a libre absolución, e solicitou que, en caso de ser declarado culpable, se lle aplique a eximente de alteración psíquica ou de intoxicación plena por consumo de alcol ou, en todo caso, que se contemplen estas circunstancias como atenuantes.
Así mesmo, esta parte sostén que houbo unha discusión previa do acusado e a vítima, e que, no momento dos feitos, José Luis estaba exento de responsabilidade criminal porque “tiña anuladas as súas capacidades cognitivas e volitivas”, xa que padece un “trastorno disociado de personalidade” e estaba bebido.
Segundo mantivo a letrada da defensa, no caso dos disparos realizados nun segundo momento (supostamente, contra unha testemuña), o acusado “non apuntou a ninguén”. Do mesmo xeito, defendeu que tampouco opuxo resistencia ao ser detido.