Criar poliños da raza autóctona de Mos, plantar fabas na horta do cole, empaparse das ideas que fan dos Ancares un lugar no que traballar e vivir, recoller a lingua que se perde e as palabras que, de sempre, deron nome aos apeiros… Son só algúns dos cometidos que tiveron os case 1.500 alumnos e alumnas de 21 centros educativos de toda Galicia que estrearon o programa Mestres Gandeiros, enmarcado no plan Proxecta e impulsado polas consellerías de Medio Ambiente e de Educación. Só na provincia de Lugo, foron dez colexios e institutos os que contribuíron con 438 escolares.

Neste curso 2022-2023, que acaba de rematar, Mestres Gandeiros non fixo máis que arrancar, pero, vista a boa acollida, o obxectivo sitúase xa no vindeiro ano lectivo. E non só por parte da Xunta, que adianta que se volverá ofertar dentro do plan Proxecta, senón tamén polos propios centros e colectivos que participaron.

Visita dos alumnos do Fontem Albei, da Fonsagrada, a algúns dos terreos da cooperativa A Carqueixa. EP

Na provincia luguesa tomaron parte o Ceip Santa María e o IES Fontem Albei, da Fonsagrada; o Concepción López Rey, de Baleira; o CPI de Cervantes; o CEE Santa María e o Ceip de Casás, de Lugo; o Pedregal de Irimia, de Meira; o Virxe da Luz, de Portomarín; o CPR Sagrado Corazón de Jesús, de Ribadeo, e o Ceip Terra Chá, de Vilalba. En todos eles o obxectivo era o mesmo: “Pór o foco nas boas prácticas dos gandeiros e agricultores que fan posible a conservación dos valores ambientais, culturais e de biodiversidade galegos”, din desde Medio Ambiente.

“A cooperativa A Carqueixa, Piornedo Anda e o bar Xegunde participaron no programa ofrecendo visitas, roteiros e comida”.

Niso coinciden tamén os membros da cooperativa A Carqueixa, que xunto aos integrantes de Piornedo Anda e do bar Xegunde de Navia, levaron a idiosincrasia e a gastronomía ancaresas pola provincia adiante e abriron as portas da comarca aos de fóra.

É o caso dos rapaces do Centro de Educación Especial de Panxón, que desde Nigrán viaxaron ata a Montaña luguesa. “Foi, quizais, a visita que máis ilusión nos fixo”, conta Román Sánchez, xerente da Carqueixa, “por vir de tan lonxe e por todo o que aprendemos deles; todo o mundo debería pasar alomenos un día con estes rapaces”.

Eles puideron coñecer o traballo que se desenvolve na Carqueixa, acompañados polo propio Román e por José Antonio Díaz ‘O Palillo’, pero tamén pasear polos sendeiros da zona con Lola Isolina, de Piornedo Anda, e de Lucía, tamén da Carqueixa, e degustar a cociña de Mari Carmen, do Xegunde. “Parecíanos fundamental que os coles de Galicia coñecesen a gandería sostible dos Ancares, a que evita incendios e captura máis gases nocivos dos que emite”, agrega Román, satisfeito co labor desenvolto: “Hai cartas de agradecemento que emocionan”, afirma.

Ata os prados que envolven os cumios máis altos de Lugo se achegaron tamén os alumnos do Fontem Albei. Unha vez alí, “ensináronlles a maquinaria coa que traballan, os terreos que transformaron e explicáronlles o modelo de negocio”, explica a coordinadora do programa no IES fonsagradino, Irene Iglesias, “viron que o rural ten posibilidades de futuro, como A Carqueixa, que ten un posto na praza de abastos, por exemplo, ou que en El País del Abeyeiro fan que o seu mel interese pola calidade que ten”.

A charla do apicultor Alberto Uría, as visitas ao muíño de Grandas de Salime e os debates na aula completaron un programa cuxa xoia é a vintena de enquisas realizadas por alumnos de 4º de Eso, 1º de BAC e 1º e 2º de FP de Actividades Agrogandeiras ás persoas de máis idade do seu contorno.

Charlas interxeracionais

A idea desta actividade era establecer unha conversa entre adolescente e maior a través do gando, a froita, as verduras, as ferramentas e como se desenvolvía antes o traballo no agro. Aí, entre tanto coñecemento e historia, os mozos puideron extraer prácticas tradicionais aplicables á actualidade.

“Explicáronlles, por exemplo, que as peras se conservaban en caixas con herba seca, que as noces se gardaban no hórreo e as castañas, en sequeiros, contaron como se fertilizaba antes o terreo, que pesticidas había, os nomes dos apeiros…”, numera Iglesias. O resultado, “un proxecto vivo” que quedará a disposición de todos no Museo Comarcal da Fonsagrada e no propio instituto.

Unha horta que degustar

A recolleita de impresións que fixo o alumnado da Fonsagrada é o seu particular froito de Mestres Gandeiros, igual que o é para os 35 alumnos do Ceip Virxe da Luz de Portomarín a súa pequena horta, agora rebosante de cor polas leitugas, as fabas, os cogombros, os xirasoles, os ravos e as flores que saíron da aula do titor de 3º e 4º, José Luis Fernández, e que medraron tamén grazas ao labor de todos os profesores, incluídos os itinerantes, da cociñeira Marta e de Roberto, traballador do Concello que se encargará de regar cando o centro quede baleiro polo verán.

Estes nenos tamén visitaron o Muvicla, de Láncara, e alí Marcos María, os responsables do museo, ensináronlles apeiros, tractores de xoguete e de verdade, maquinaria, as súas vacas rubias galegas e as mazás das que logo sae sidra. “Este programa vale moito para facerlles saber como distribuír o tempo, saber esperar a quenda, aprender a comer saudable e sobre convivencia”, conclúe Pilar García, coordinadora de Mestres Gandeiros no colexio de Portomarín, que non desbota a idea de que a súa horta siga dando de comer no vindeiro curso.

Fuente: https://www.elprogreso.es/articulo/a-montana/ollada-das-aulas-ao-campo/202306261215091676646.html