O Goberno impulsaba en 2010 o Plan Mayor Seguridad, para previr aos maiores fronte a posibles riscos que poidan sufrir e para ofrecer nocións de seguridade vial. A boa acollida da iniciativa, á que o sarxento da Pastoriza leva vencellado case dende os inicios fíxoa permanente.

Natural de Cospeito, Javier Teijeiro comezaba na Pastoriza a traballar como eventual en 1991, o mesmo lugar no que leva máis de dúas décadas como Comandante de Posto da Garda Civil. En 2011, sumábase ao Plan Mayor Seguridad, xunto con Agustín Lamas, do Seprona, hoxe na reserva —daquela había catro formadores en Lugo, aos que acaban de sumarse tres máis—, un compromiso coa información aos maiores que mantén hoxe e que o levará o día 9 de abril, ás 18.00 horas, ao local social de Muras e tamén o día 12, ás 16.30, á Torre (Vilalba), nunha cita aberta aos veciños de Alba, Insua,Boizán, Soexo e Belesar.

Que obxectivos persegue o Plan Mayor Seguridad?

Dende a súa posta en marcha por parte da Secretaría de Estado de Seguridade, coa implicación da Policía Nacional e da Garda Civil, o seu principal obxectivo é advertir á xente das principais ameazas que poden xurdir, coma roubos, estafas, uso fraudulento de propiedades, situacións de maltrato, desorientacións e desaparicións… e tamén fomentar a confianza destas persoas nas forzas e nos corpos de seguridade. A iniciativa é moi útil, porque á xente sérvelle para achegarse a nós, e a nós ofrécenos información para mellorar e perfeccionar a nosa resposta a ese tipo de situacións.

Que acollida ten?

En xeral é moi boa e a xente está agradecida, de aí que teña continuidade. Se ben notamos unha disminución da demanda, este ano intensificamos as actividades ao redor do plan, buscando a colaboración con asociacións e colectivos, que xa deu os seus froitos. Ademais en Vilalba as charlas enmárcanse no programa Estamos para Axudarche do centro sociocomunitario, que conta co apoio do Concello e de Radio Principal.

Nas charlas danse pautas para a portección na vivenda e fóra dela

Cal é contido das charlas?

Faise unha introdución do que é o plan e despois xa se explican as pautas e consellos para a súa protección tanto na vivenda como fóra dela. Por exemplo, búscase concienciar á xente maior para que manteñan as portas pechadas e que saiban que ninguén pode entrar na súa casa sen o seu consentimento e tamén que non deben facilitar datos persoais, bancarios, etc. Lémbrase que o Real Decreto Ley 5/2018 do 5 de outubro prohibe a comercialización porta a porta de gas e de electricidade, que era un problema con moita incidencia e no que estamos a notar un descenso de casos de estafa dende a súa aplicación. Tamén se explican outros modus operandi, coma o método do abrazo: pregúntanche por algo, abrázante en agradecemento e aproveitan para roubar a carteira, xoias… Ademais, insistimos moito en que tomen precaucións nas aglomeracións de xente e ofrécense medidas perventivas en caso de accidentes, de caídas, de incendios, desorientacións ou desaparicións… ou en materia de seguridade vial, como que crucen polos lugares habilitados, que eviten as vías interurbanas, que se aseguren de que os vehículos se deteñen antes de cruzar por un paso de peóns, ou que, aínda que só sexa obrigatorio da posta á saída do sol, leven sempre unha prenda reflectante.

Estes días rexistráronse varios accidentes de tractor, é un tema que tocan tamén nas charlas?

Si, porque está tendo moita incidencia. Cando se xubilan, moitas veces quedan cun tractor vello para cousas puntuais, que nin ten os sistemas de protección adecuados. Nós tentamos concienciar de que á hora de conducir calquera vehículo hai que ser consciente das limitacións e de que coa idade se perden aptitudes.

Queremos que ante calquera dúbida ou sospeita, por exemplo a presenza dun vehículo ou dunha persoa descoñecida en actitude sospeitosa, chamen ao 062 e identifiquen claramente o lugar

Cal é a principal idea que quere que lles quede gravada?

Que ante calquera dúbida ou sospeita, por exemplo a presenza dun vehículo ou dunha persoa descoñecida en actitude sospeitosa, chamen ao 062 e que identifiquen claramente o lugar onde se require o auxilio polo nome da casa, sobre todo na zona rural, porque ás veces atopámonos con verdadeiros problemas para localizar un domicilio polo número, sobre todo nas chamadas derivadas do 112.

Para solventar este tipo de situacións, o Concello da Pastoriza ía implantar unha aplicación para os servizos de emerxencia.

Si, chámase Isocrona e xa está operativa. A verdade é que é moi útil, precisamente porque permite axilizar moito os prazos para localizar a vivenda ou lugar da incidencia. Nela aparecen todos os barrios do concello e os nomes polos que son coñecidas as casas e a través do Google Maps lévate directamente ao sitio. Esperemos que en breve outros concellos tamén se sumen á iniciativa. A tecnoloxía avanzou moito e temos que aproveitalo. Nas charlas tamén se informa da aplicación AlertCops, que se pode descargar en calquera dispositivo e que permite avisar de calquera incidencia, só con pulsar un icono: roubo, asalto, vandalismo, agresión sexual, unha pelexa… Ademais incorpora a función ‘gardián’, que permite compartir a localización en tempo real cunha persoa de confianza, para estar sempre localizado, o que é moi útil non só para as persoas maiores, senón para calquera que realice actividades ao aire libre.