Case seis anos despois de sentarse no sillón da alcaldía valadouresa, Maseda xa ten en mente que hai que ir deixando
paso a ideas novas, aínda que polo momento non deixa de traballar por aquilo que pensa que será positivo para o seu
municipio
Nunca pensou en ser alcalde. Sen embargo, en xuño de 2013 chegou á alcaldía do Valadouro despois dunha moción de censura ao entón alcalde do PP. Nas eleccións de 2015 volveuse presentar como candidato socialista e dende ese ano goberna en coalición co BNG, nunha xuntanza que funciona sen ningunha fisura.
Que balance fai do mandato?
É agridoce, porque fixemos moitas cousas pero aínda nos quedaron outras no tinteiro.
Cales son esas que quixeran rematar e non puideron?
O máis importante é o polígono industrial, porque nos condicionou moito a lei do solo de 2016, xa que nos tirou o traballo que tiñamos feito ao pasar a ser solo rústico os terreos onde estaba pensado facerse, que estaba cualificado como chan urbanizable industrial. Agora temos a información a modificación das normas subsidiarias, que estará a piques de resolverse, e o seguinte paso sería redactar o proxecto definitivo, que xa está feito pero faltan algúns detalles. E despois temos que ver como podemos ir facendo porque terá que ser por fases, xa que executar toda a obra xunta é moito para o Concello e queremos que sexa un polígono municipal.
Un reto para o novo mandato?
Si, este sería un dos retos que nos quedan por diante e tamén o de redactar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que se foi dilatando no tempo e agora temos contratada unha enxeñaría para darlle un impulso. É importante que a xente saiba onde pode construír e de que maneira. Tamén é importante delimitar os núcleos de poboación nas parroquias e para iso hai que xuntarse cos veciños para facelo da mellor maneira posible.
Falando de construír, dende o Concello impulsan unha cooperativa para levantar vivendas.
Si, quixemos sacar adiante este proxecto porque hai unha xeración que tivo dificultades para encontrar piso na zona de Ferreira, porque o que había está todo ocupado. Encontramos un solar e a idea é a de facer vivendas para que non se nos vaia unha xeración enteira, como xa pasou coa anterior, porque por moitas facilidades que deas para vivir aquí se a xente xa fixo a súa vida noutro concello, non volve.
Tamén levaron a cabo políticas para que a xente nova se quede no concello.
É verdade, de feito pasamos de ter uns 80 alumnos no colexio a case 140, aínda que non é só mérito do Concello, senón das familias que decidiron quedar aquí. Pero tamén é certo que nós levamos a cabo políticas como a posta en marcha do banco de libros para todos os alumnos independentemente da súa renda, damos axudas aos nenos de 3 a 5 anos, puxemos o servizo de madrugadores e actividades extraescolares gratis e apoiamos a asociación de pais do colexio en todo aquilo que podemos. O importante é que as familias se sintan protexidas e poidan conciliar traballo e vida familiar. Con estas e outras medidas, imos contendo o tema da perda de poboación.
No Valadouro, como en moitos outros concellos, hai moita poboación envellecida, tamén para eles hai servizos.
Temos moita poboación maior. De feito pasamos de contar con entre 6.000 e 8.000 horas de atención en dependencia en 2012 ás 37.000 actuais máis outras 2.700 extraordinarias. Tivemos que contratar outra persoa a media xornada para levar este tema porque unha persoa soa non podía xestionar tantas horas.
Un dos proxectos máis significativos deste concello é a escola de agricultura, como está neste momento o proxecto?
Agora mesmo estamos rematando co tema da homologación para que os alumnos podan obter o certificado de profesionalidade. A verdade é que neste caso chocamos con moitos impedimentos administrativos, pero agora parece que todo vai para adiante. Neste senso, penso que sería importante facer cambios na normativa, porque para homologar o centro tivemos que acollernos a un módulo xenérico de agricultura e tivemos que montar unha granxa, algo que non nos facía falta porque nós só nos dedicamos á agricultura e non á gandaría.
Non é que me apeteza, porque a política municipal é realmente dura. A única cousa que me anima é acabar esas cousas que tiñamos empezadas e que poden ser importantes para o futuro do concello, e teño moi claro que despois ten que vir outra persoa con ideas novas. De todos os xeitos penso que ser alcalde do teu pobo é o orgullo máis grande que pode haber.
Como é confeccionar as listas electorais nun concello pequeno?
É complicado porque nos coñecemos todos e porque o momento político que estamos atravesando é un verdadeiro desastre. A xente non se anima a meterse en política, onde estar baixo unhas siglas ou outras fai que algúns veciños te poidan mirar mal ou incluso deixar de falar. E despois vir aos plenos e discutir de forma persoal tampouco está ben. Se fose vir aquí e plantexar ideas e facer cousas sempre en positivo para o pobo, entón habería máis xente disposta. Por outra banda, debería haber unha fórmula para que todos os cidadáns pasaran por aquí e viran como é isto.
Chegado o caso, volvería reeditar o pacto de goberno co BNG?
Si, o BNG foi un socio leal. Sempre nos entendemos ben e agora coa experiencia que xa temos os dous, pola nosa parte non habería ningún problema, aínda que matizando algunha cousa. Influirán as eleccións xerais nas municipais? As municipais son máis de persoas, pero algo pode influír.