O acordo deuse por unanimidade ► Fan fincapé na “importancia que este sector industrial ten no concello e na comarca”
Todos os grupos con representación no pleno da Deputación de Lugo (os 12 deputados do PP, os 10 do PSOE, dous do BNG e o deputado non adscrito) aprobaron este martes por unanimidade unha declaración institucional a favor da supervivencia da planta de Alcoa no municipio de Cervo.
En base a un documento do propio comité de empresa, advírtese da “importancia que este sector industrial ten neste concello (Cervo) e na comarca da Mariña”.
Así fan fincapé en que “as industrias electrointensivas son as que dependen en moi gran medida da electricidade para o seu proceso produtivo, por iso, calquera variación significativa ou incerteza sobre os prezos da electricidade aféctalles dunha forma directa”.
Por iso, buscan instar o Goberno galego e ao Goberno español a que constitúa unha mesa de traballo onde estean todos os sectores afectados, sen exclusións e transparente para desenvolver o estatuto da industria electorintensiva”.
Ademais, emprázase ao “Goberno español a que se vaian facendo efectivas de inmediato estas medidas nos orzamentos para o 2019”. “E se contemplen no texto definitivo de regulación do estatuto de consumidores electrointensivos as medidas antes sinaladas que nos dotarán dun marco enerxético estable para a industria electorintensiva”, engaden.
Previamente ao pleno, o presidente da Deputación provincial, Darío Campos, destacou que se trata dun “tema moi importante para a provincia de Lugo e para A Mariña”. “Vai haber unanimidade porque é un tema suficientemente importante e temos que estar por encima de diferenzas entre partidos”, avanzou Campos antes do inicio da sesión.