En Marea denunciou ante a Fiscalía provincial de Pontevedra una “suposta trama de corrupción no Concello de Valga”, ao entender que existe un armazón de favores que implica ao alcalde, José María Bello Maneiro (PP), ao secretario e ao interventor accidentais, e que ten “supostos beneficios tanto para eles como para terceiras persoas”.
A formación reclama que se investigue a contratación “un pouco estraña”, a iniciativa do propio alcalde, do secretario e do interventor e espera que esa investigación conclúa coa depuración das responsabilidades pertinentes.
En declaracións aos medios de comunicación na sede da Fiscalía en Pontevedra, Elena Cores, membro da Coordinadora de En Marea e concelleira de Gañemos Vilanova, asegurou que eses postos foron cubertos partindo dunha previsión orzamentaria anual “moi inferior ao salario que, por categoría, correspondería”.
E fíxose así, segundo sospeita En Marea, “co presunto obxectivo de disuadir aos funcionarios que puidesen estar interesados en optar a eles, de maneira que finalizaban sempre por estar vacantes”.
“Desta forma o alcalde, fronte esa vacancia, pode botar man de xente que lle resulte cómoda para o exercicio da súa actividade e que non poña reparos”, asegura Elena Cores.
Segundo os datos que serven de base á denuncia presentada por En Marea, ese déficit salarial contemplado nesas ofertas sería compensado a través de dietas.
ADXUDICACIÓN INDEBIDA. Por outra banda, En Marea tamén denunciou ante a Fiscalía a presunta adxudicación indebida dun contrato de reforzo administrativo a unha socia do interventor e o posterior exercicio das funcións que lle foron adxudicadas a un xubilado, en lugar da persoa inicialmente designada para tal fin.
“Unha persoa xubilada non pode estar a traballar no concello, por moi coñecida que sexa nin por moito interese que teña o alcalde en telo aí”, indica Elena Cores, que considera que deste xeito se está incumprindo tamén a Lei de Protección de Datos.