A película está protagonizada polos propios alumnos e contou coa colaboración da Fundación TIC.
Os alumnos do CPI de Cervantes viviron este sábado unha xornada moi especial. As instalacións deste centro educativo acolleron a presentación da curtametraxe Quijano, o burro da escola, dirixida polo recoñecido cineasta Óliver Laxe e cuxa produción foi posible grazas á gran implicación dos propios escolares, que tamén son protagonistas da historia.
O papel do alumnado foi un dos puntos destacados da presentación deste sábado. Foron os propios escolares os que prepararon o ‘photocall’ onde se retrataron os asistentes á gala. A actividade foi organizada pola Anpa do CPI de Cervantes.
Entre as casi 200 persoas que encheron o salón de actos e que seguiron o evento destacou a presenza do propio director da obra, Óliver Laxe; o deputado provincial responsable de relacións institucionais, Álvaro Santos, ou o alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, ademais de pais de alumnos e outros membros da comunidade educativa.
O acto, que abriu Álvaro Santos, resultou entretido e moi distendido xa que os asistentes puideron gozar das tomas falsas da película e tamén da visualización dunha reportaxe sobre a Reserva da Biosfera dos Ancares, e que foi elaborado polo propio Óliver Laxe.
A intención da película, qsegundo Laxe, é que os escolares “tomen conciencia desta contorna e aprendan a darlle valor
Tamén houbo unha charla a cargo do mestre Pablo Gómez Equeira e outra de Hugo Fernández Balseiro, profesor de realización de cinema e vídeo do actual Servizo de Audiovisuais da Deputación (antiga Fundación TIC), que tamén colaborou coa rodaxe da obra. O acto pechouse cun coloquio no que se analizou a situación do ensino no rural
O cineasta Óliver Laxe destacou a gran implicación dos 38 alumnos do centrocon este proxecto, dos que dixo, “interviñeron de forma moi activa tanto na elaboración do guión como na propia rodaxe da película”.
Laxe, que actualmente reside na comarca dos Ancares, onde tamén ten as súas raíces, explicou que no caso de Quijano, o burro da escola non se trataba de facer unha “película perfecta tecnicamente”, senón que a intención era “conseguir que os alumnos tomen conciencia desta contorna, aprendan a darlle valor e se sentan orgullosos de ser de onde son“.
“Se o rural perde esta xeración, con ela iranse bens inmateriais da comarca como son a linguaxe ou outros valores e tradicións milenarias que aínda perviven na zona“, explicou o cineasta.
A xornada festiva pechouse cunha merenda ofrecida polo alumnado e que lles serviu para recadar fondos para a súa excursión fin de curso.